Período de adaptación

 A incorporación á escola infantil supón para as nenas e os nenos o primeiro achegamento a un espazo educativo e a primeira separación do contorno familiar. 

Non é un momento sinxelo nin exento de conflitos e a forma en que se resolva este cambio é transcendental para o alumnado e para o seu futuro na institución escolar. Cómpre, polo tanto,  poñer especial coidado na programación e desenvolvemento do período de adaptación, que será determinante para a posterior relación dos nenos e as nenas coa escola. 

As familias constitúen un dos piares fundamentais do proceso de adaptación, pois o modo en que estas vivan a incorporación das nenas e os nenos á escola influirá decisivamente no procesamento do cambio. Polo tanto, os e as profesionais deben traballar en estreita colaboración coas familias en todo o proceso.

 Obxectivos do período de adaptación:
  • Facilitar a incorporación dos nenos e as nenas á organización escolar, creando un clima de confianza e afecto que favoreza o seu desenvolvemento.
  • Compartir información relevante entre a familias, o profesorado e o alumnado para mellorar o coñecemento mutuo.
  • Ofrecerlles aos nenos e nenas e ás súas familias unha experiencia gratificante e positiva da escola infantil, favorecendo a sensación de seguridade en relación coa nova situación escolar.
  • Xerar vínculos entre as nenas e os nenos, as súas familias e o profesorado, baseadas na confianza e na profesionalidade.
  • Descubrir o gozo de estar con outras persoas nun ambiente estimulante diferente ao familiar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario